Friday 03 de May de 2024

A Consellería de Educación inviste preto de 671.000 euros na rehabilitación enerxética do CEIP Felipe de Castro en Noia


Os traballos consisten en renovar o material da cuberta, mellorar o illamento da fachada, instalar novas carpinterías e efectuar diversas reparacións no interior

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional está levando a cabo as obras de rehabilitación enerxética do CEIP Felipe de Castro, en Noia, que supoñen un investimento de preto de 671.000 euros por parte do Goberno Galego a través de Fondos FEDER.
A conselleira Carmen Pomar achegouse esta mañá ao centro para comprobar o desenvolvemento dos traballos, que están avanzando a bo ritmo durante o período estival. Durante a visita estivo acompañada polo alcalde de Noia, Santiago Freire, e polas concelleiras de Educación, Mariola López, e de Deportes, Laura Salgado, ademais de integrantes do equipo directo do centro e responsables técnicos do proxecto en execución.
O alcalde expresou o seu agradecemento polo elevado nivel de colaboración amosado pola Consellería de Educación nestas obras. Santiago Freire agarda que este bo entendemento se poida reeditar nun futuro con novas intervencións noutros centros educativos do municipio. Lembrou que na remodelación do polideportivo contiguo ao colexio, que dará servizo tanto ao centro escolar como a entidades deportivas locais, xa se demostrou a perfecta colaboración entre o Concello, a Consellería de Educación e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta.
Características do proxecto
As obras no CEIP Felipe de Castro inclúen a substitución do actual material de cuberta do CEIP por outro de panel tipo sandwich de dobre chapa de aceiro galvanizado con illante intermedio e acabado lacado, especial na cara exterior; o illamento da fachada exterior mediante sistema SATE, e o illamento do teito da planta superior de separación co espazo baixo cuberta.
Así mesmo tamén se substitúe a actual carpintería das ventás e portas exteriores por unha nova de aluminio con rotura de ponte térmica e dobre vidro baixo emisivo, e as luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética de tecnoloxía led que adaptan a súa intensidade á entrada de luz natural para garantir un nivel de iluminación óptimo e constante no interior da aula.
Finalmente procederase á eliminación dos antigos armarios de obra que existían en algunhas aulas co fin de ganar superficie e mellorar a funcionalidade das mesmas, ao pulido e abrillantado do pavimento de terrazo, e á reparación e pintado de paramentos interiores segundo o estudo cromático realizado polo Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) para este tipo de obras.
A previsión da Consellería é que o groso dos traballos estea rematado para o inicio do vindeiro curso 2019-2020. O cronograma establece que poderían quedar algunhas tarefas menores no exterior que en ningún caso incidirían no normal desenvolvemento da actividade académica.
Oito obras en toda a provincia
A rehabilitación integral deste centro enmárcase no Plan de dotación de infraestruturas educativas 2016-2021 que contempla un total de 31 obras deste tipo (22 delas con cargo aos fondos de superávit) que se están levando a cabo en toda Galicia. En concreto, na provincia da Coruña, ademais desta de Noia, hai outras sete noutros tantos concellos.